A imaxe do seareiro adolescente de Megan Fox, novo fenómeno na Rede

venres, 26 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Unha imaxe sempre é unha imaxe: un xeito de relatar ou comunicar algo complexo de xeito sinxelo, ou viceversa. Con todo, a Rede semella que amplía o seu significado e repercusión, en boa medida porque se multiplican até o inimaxinable as persoas que teñen acceso a unha fotografía concreta e os contextos diferentes ao orixinal nos que pode ir xurdindo. En consecuencia: se unha imaxe é curiosa, non só parecerá selo máis do que é, senón que haberá máis xente que o recorde. Asemade, non haberá detalle que fique sen peteirar. Isto máis ou menos é o que vén de acontecer cunha instantánea feita hai uns días á actriz Megan Fox (de actualidade pola estrea da segunda entrega da saga Transformers), unha foto que a primeira vista non semella nada do outro mundo pero que coa axuda da comunidade internauta parece achegar máis chicha. Para comezar: a actriz non é realmente a protagonista da imaxe, senón o neno que lle tende unha flor sen obter resposta.
A foto está a ter repercusión na Rede e a través da Rede por dúas grandes razóns. Primeira: todo o mundo semella estar solidarizándose co rapaz, por moito que Megan Fox dixera que co rebumbio da contorna nin sequera reparou nel. E segunda: Facebook foi, días despois da foto e tras moito espremer os miolos, a canle que se empregou a instancias da casa Kodak para localizar ao neno da rosa.
Por certo que Kodak, tan ilusionada se viu coa imaxe, chegou a ofrecer 5.000 dólares a quen puidera identificar ao seareiro. Segundo contan en canles como CanalTCM, o departamento de marketing foi en boa medida culpable de todo o balbordo, logo de atopar na devandita fotografía un potencial de imaxe do ano como non se vira dende hai tempo. Co fin de dar co neno, puxeron unha conta de correo, yellowroseboy@gmail.com, para recibir as respostas. Resultado: unha muller atopou ao neno no sitio onde semella que se reúnen a día de hoxe a gran maioría dos adolescentes do mundo: ese banco do parque colectivo e descomunal chamado Facebook. A historia de Megan Fox e o rapaz en cuestión, que é británico e se chama Harvii, promete converterse nun deses fenómenos en liña que xiran arredor dunha imaxe máis ou menos curiosa para ir derivando nunha chea de variacións sobre o mesmo tempo. Polo de agora xa se están a rastrexar unha chea de achegas.

PUBLICIDADE