O PP de Santiago inicia a precampaña electoral na web

luns, 29 de novembro do 2010 Redacción

O candidato do Partido Popular á alcaldía do Concello de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa, fixo hoxe unha chamada á participación na presentación da páxina web do PP, dispoñible dende hoxe grazas a que «agora é posible facer unha aposta seria polas novas tecnoloxías e marcar un paso adiante na comunicación cos cidadáns».
En rolda de prensa manifestou que con esta aposta quere abrir unha nova vía de comunicación con todos os veciños xa que este novo espazo pretende ser unha porta aberta a todos. Conde Roa comentou que buscan que «calquera cidadán poida preguntarme o que queira e eu comprométome a responder», á vez que tamén busca un achegamento á cidadanía a través dun blog no que poderá seguirse o día a día do candidato á alcaldía compostelá.
A páxina web do PP de Santiago está aberta ós novos formatos da web social a través de Twitter e Facebook, entre outras canles de participación que pretenden ser unha ferramenta de comunicación directa cos cidadáns.
No novo espazo dixital non falta un apartado multimedia, onde os composteláns poderán acceder ao contido dos vídeos das roldas de prensa, así como ás gravacións sonoras das intervencións en medios de comunicación de Gerardo Conde Roa ou ás fotos dos actos nos que participa.


Conde Roa presentando a nova web compostelá do PP

PUBLICIDADE