WhatsApp proba as contas de empresa verificadas

martes, 29 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Dende que WhatsApp é unha aplicación completamente de balde están a explorar canles para rendibilizar a aplicación economicamente, de xeito que levamos meses esperando a que cheguen novidades como a posibilidade de contar con servizos para empresas que puidesen ir dende o envío de mensaxes de xeito automatizado (herdando así o uso actualmente das mensaxes de texto) até facilitar o uso de WhatsApp a través dunha aplicación independente dun teléfono móbil.
Nesta última liña WhatsApp confirma na súa axuda en liña que xa contan con contas verificadas de negocios, ou sexa, que unhas poucas empresas que están a participar no programa piloto desta funcionalidade poden ter un número de teléfono asociado que na aplicación de WhatsApp estarán destacadas cunha aspa para marcar que se tratan de contas verificadas na liña de como funcionan as contas verificadas de Twitter, como un xeito de que os usuarios poidan saber que a compañía que está ao outro lado do WhatsApp é quen di ser. Deste xeito quere fomentarse o uso de WhatsApp como canle de atención ao cliente.
Dende WhatsApp lembran que se un usuario quere que unha empresa deixe de contactar con el sempre pode bloquear o seu número na aplicación.

PUBLICIDADE